lunes, 5 de abril de 2010

Luns de Pascua do 2010

Tan só quero deixar sinalado que esta bitácora xa está activa. Hoxe é luns, Luns de Pascua do 2010.

Se cadra resulta rechamante que date o comezo da miña exposición pública usando un símbolo netamente relixioso, cando por outra banda a miña bitácora co seu nome deixa ben ás claras a miña posición vital: son ateo sen ningún tipo de dúbida, con tódalas consecuencias; sei que non hai deus, ningún deus, nin sequera escrito con maiúscula. Porén acontece que nacín nun lugar onde hai unha cultura milenaria, que eu teño integrada na súa totalidade na miña persoa pola sinxela razón de que é parte inseparable de min. Gústame ser galego e todo o que elo leva implícito, por suposto o respecto máximo á nosa historia, ás nosas tradicións, ás nosas crenzas, a tódalas nosas xentes, aos nosos ritos, ás nosas lendas. Velaí que a mellor maneira, a máis universal e a que sempre vai perdurar, para recoñecer o día de hoxe é Luns de Pascua do 2010, por iso eu ateo uso esta forma. É compatible. Non ter fe en ningún dos miles de deuses que hai no mundo é compatible co uso das diferentes formas de culturas. Eu son galego e sei que hai Santa Compaña, outra cousa é que incida na miña existencia, se eu non quero.

Quero nesta bitácora achegar ideas. Ideas. Ideas, a poder ser, que endexamais se escoitaran. Sei que se así fose moitas delas, se cabe todas, acadarían un sorriso, ou se cadra gargalladas sen control, máis o que ten importancia é se algunha delas provoca en alguén (mesmo despois das gargalladas) un instante de reflexión. Nin sequera pretendo que esa reflexión sexa de asentimento, senón advertir de que tódalas cousas se poden ver e concibir doutro xeito, as máis das veces antagónico, e non pasa nada.

Confeso ateo deixo para a seguinte o de poeta. Buscádeme, prometo ser infiel. Como vos decatariades "ateo poeta" é un palíndromo, iso é así porque esta bitácora ten pretensións universais e de que chegue a todo o mundo, non quero que se en algures len de dereita a esquerda deixen de entrar a lerme.

Grazas por chegar aquí lendo.