miércoles, 8 de junio de 2011

Perdón

O que perdoa, é que ten algo apuntado para cobrar; o que pide perdón quere facer desaparecer, a cambio de un pago, a pegada de algo que fixo sabendo que facía mal, ou cando menos que recoñece que fixo mal.

Eu penso que o perdón é unha argucia. Tan so pode existir, coma existe na nosa sociedade, froito de moitos séculos de repetir unha falacia, na procura do aliñamento da xente en función do máis alá, para que renuncien ao próximo. A realidade pretérita tan só cabe coñecela, e a partires dela facer autocrítica. Ninguén pode borrar o pasado, antes ben, hai que ser honrado co mesmo. Se alguén na súa autocrítica encontra un dano feito a outra persoa debe manifestarlle dunha maneira inequívoca o recoñecemento da súa falta, repoñer na medida do posible o dano feito e comprometerse en función da autocrítica e do aprendizaxe da lección do suceso para que nunca máis volva a acontecer.

O perdoar, é dicir, quedar coa sensación de que non pasou nada despois de confesalo, é un furto e un abuso para o damnificado. Se hai intermediarios, ou sexa alguén que perdoa no nome de outro, é unha artimaña artificiosa. Se por obter o perdón pensamos que a persoa é a mesma de antes, estamos aliñados á unhas crenzas que non teñen en conta a razón.

Este preámbulo non ten outro obxecto que facer entender porque á hora de elixir o seu voto moitas persoas non teñen en conta a corrupción dos que van nas listas. Tamén da explicación o por que aplauden aos seus delincuentes (que supoñen perdoados), namentres condenan aos contrarios que cometen o mesmo delito.