miércoles, 13 de julio de 2011

O Raposo

Percorría eu hoxe os camiños consentidos e coñecidos onde de xeito irregular paseo monte arriba, e tralo cumio do Couto do Rei volteando cal ruadas entre montes pechados ás veces de árbores frondosos e profundos e outras de espazos abertos das aldeas ou terras de labor, ou sinxelamente cheos desa maleza das nosas vidas de fentos e toxos mesturados con xestas e centos de herbas e outras outras especies de flora. Albisquei de lonxe, entre a espesura da maleza, un brillo, se cadra azulado, ou moi gris e metálico, e empeñeime en que un raposo movíase o seu derredor.

Froito da miña curiosidade achegueime por entre a chaira silvestre ata o lugar no que cinguía o reflexo, sen atopar outra cousa que unha lata que a bo seguro un latoso cidadán tivera lanzado ó baleiro dende o camiño para quedarse alí quieta, á espera de que un ser calquera retocase a súa postura ou podrecer para sempre. ¿Estaría de certo o raposo denantes, coma eu sospeitara. Se cadra si, eu vira coma un rego na vexetación movéndose no sentido contrario dó que eu camiñaba. Nin un indico de dúbida me quedou cando vin a lata: Red Bull. O raposo era moi listo e de seguro que sabía ler; marcharía moi satisfeito contando que ó fin mañá tería ás.