lunes, 8 de octubre de 2012

Colonialismo

Hoxe leo na prensa a contundente vitoria de Chávez, e nos comentarios da xente advirto o profundo que calou a insistencia mediática centralista de chamarlle tolo.

É triste que na vella España aínda exista a sensación de colonialismo e que as súas forzas mediáticas puxesen unha imaxe indebida ao gran loitador da humanidade que é Chávez, coma fixo outrora co seu irmán de loita Fidel Castro. Máis estes medios caen derrotados e son moitos centos de cidadás quen xa nin miran para EL PAÍS e moito menos para outras forzas mediáticas máis neoliberais que este periódico. Eu mesmo xa hai moito tempo que o rexeito e o motivo non foi a súa descerebrada orientación antiamericana (pero si a prol dos ianquis) que tamén, se non o seu centralismo atroz, que lle levaba a defender Madrid coma capital do reino ao igual que na Idade Media Totalitaria. España sempre tivo colonializadas as súas irmás Galicia, Euskadi e Cataluña e en clave de modernidade o periodismo debe axudar a construír un Estado Federal Republicano e Laico coas catro nacións. O outro é mirar para atrás coma ben indica a foto de onte no Vaticano.

martes, 2 de octubre de 2012

O poder ten que ser obediente.

Esta pequena expresión ¡que grande é. Encerra todo o que un cidadá pode pedir a aqueles a quen lles paga para que exerzan o poder e podan organizar a sociedade na que vivimos. Pero que difícil é conseguir realmente que o poder sexa obediente aos mandatos do pobo, en vez de obedecer a imposicións estranxeiras, ou ao seus propios intereses. Eu doulle voltas e reviravoltas para atopar a fórmula máxica de organizármonos de tal xeito que exista un resorte que faga que as cidadáns poidan suspender de súpeto a calquera gobernante, delegada, electo ou funcionaria que se exceda, ou non cumpra a función para a que foi posto e pola que exerce un poder, incluso se ese lugar de poder o ocupa sen percibir unha paga.

A frase: “O poder ten que ser obediente” non é miña, escoiteina o pasado venres nunha asemblea en Ferrol. Unha asemblea do tecido social, e dos que ultimamente loitan a esgalla para buscar maneiras alternativas ao neoliberalismo imperante: Outra maneira de vivir é posible. Unha Asemblea dos Movementos Sociais, celebrada o 28 de Setembro de 2012 no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño de Ferrol, onde foi aprobado un Manifesto en apoio á candidatura Alternativa Galega de Esquerda.

Impresionoume o gran número de persoas que tomaron a palabra, para expresar libremente o seu parecer; ase mesmo a obediencia de uns para coas outras, o respecto, pero sobre todo a sensación de que cada unha de nós éramos o importante: non había escenario, non había mesa que presidira nada, non había cargos ou representante públicos, aínda que si había persoas coma nós, que militan nalgunhas asociacións ou partidos. Éramos seres humanos na procura dun Manifesto común.

Tan forte foi o impacto que souben de inmediato que algo novo se estaba a facer, algo que lle devolva o poder ao pobo, algo que faga obedientes ao noso mandato aos que elixamos para que nos representen. Por fin temos unha opción ilusionante.

domingo, 9 de septiembre de 2012

Non á escravitude


Ante as novas destes mesmos días, propostas polos neoliberais que están a apropiarse das nacións, temos que andar con coidado.

A escravitude é esencial para o funcionamento da democracia ateniense, a fin de deixar tempo para a política aos homes libres. Estímase que na época clásica 3/4 da poboación ateniense eran escravos” Esta frase, que pasei a galego, está sacada da Wikipedia en castelán. Pois ben, ás claras nos demostra que a Cospedal, e os seus correlixionarios andan a ler aos clásicos, sen decatarse que estamos a vivir no século XXI, ou máis ben, dándose conta pero agardando que nós non o fagamos e pensemos que vivimos na civilización grega de entón.

Temos que facer a rebelión de novo e saír ás rúas e Rodear os Parlamentos e os Centros de Poder (Bancos) até lograr que os gobernantes dimitan e logremos formar Parlamentos e Gobernos de cidadáns que obedezan aos cidadás.

Mentres tanto, en pé de loita, non imos consentir que nin un só minuto de traballo sexa asoballado; Asociacións de cidadás, Sindicatos de clase, Partidos dos traballadores e público en xeral, temos que negarnos a facer ningún traballo sen contrato e plenos dereitos, así que se queren que os desempregadas traballen un só minuto en calquera tarefa (incluso de axuda social) denantes terán que borralos do paro e facerlles un contrato con Cotizacións e todos os dereitos. En caso de urxencia ou emerxencia, o primeiro sería facer a labor posible, e logo con carácter retroactivo, proceder a legalización plena de ese traballo feito. Nin un paso atrás, nos nosos dereitos.

miércoles, 25 de julio de 2012

Doazón transparente na vez da esmola

¡Quen me ía dicir a min que o electricista do Códice Calixtino sería o que precipitou un invento tan importante coma o do ano 813, xusto fai hoxe 1199 anos.

Eu xa tiña moito camiño andado, e tamén moi debandado no maxín o asunto da esmola. Para que me entendades cóntovos unha historia real: Un día nunha asemblea desas que inventaron os rapaces do 15M, e outros, que se fan nas prazas públicas, apareceu un home con bigote e sombreiro que remarcaba a súa etnia xitana, non falou, tan só sacou o sombreiro, volveuno e con un aceno agarimoso, parábase diante dos que alí estaban; algún botoulle unha moeda, cando chegou a miña fronte (el non sabía que levo mais de tres anos buscando emprego e subsistindo con 426 euros de subsidio) contei e levaba 12 moedas dun euro, a máis doutras pequenas; supuxen que podería acabar a colecta con máis de 20 euros. Na gorxa púxoseme un nó. Se eu fose capaz de gastar do mesmo xeito 10 minutos cada día, tería o mes 1.026 euros para meus gastos, ¡daríame até para unha mariscada, e con viño de reserva. Quedoume zoando a testa e agora coa axuda do electricista vin a luz. ¡Xa o teño. Xa sei coma acabar coa caridade (non quero dicir que non haxa moita xente que precise axuda) falo da esmola, desa moeda que cae na boeta e queda negra, tan negra que nin os bispos saben cantos son os millóns que recollen dos que queren ir o ceo. ¡Dende Ferrol e polo Camiño de Santiago correrá por todo o mundo a boa nova: Doazón Transparente, isto non é caridade, nin esmola, é unha doazón totalmente transparente, é dicir, pódese facer en todo momento un seguimento da cantidade achegada; nunca o que recibe a doazón pode ocultar nada, nin separar parte para outro uso diferente. Penso desenrolar esta idea, se me deixan, dentro do Foro Social de Ferrolterra.

miércoles, 20 de junio de 2012

A Vida


Repasei toda a miña vida dun golpe. Unha ollada lixeira, pero ordenada, de cabo a rabo, tal coma se fose aos naipes na man do mago. 40 cartas. Mais se cada carta fose un dos meus días, faría falta unha baralla de 22.323 naipes. ¡Moitos naipes.

Teño claro que non me vou a aforcar; esa morte non. Pero quero poñer fin a miña vida como dereito fundamental, precisamente da vida. A morte non é máis que un suceso da túa propia vida, coido que só ten a particularidade de que é o derradeiro. Por iso tan só un mesmo ten o dereito a decidir cando toca morrer. Malia que a sociedade aínda está atrasada nisto; deberíase poder ir á farmacia e pedir unha pastilla, logo, cando ti quixeses tomábala e tan docemente adormecías, e rematou a túa historia.

O ABC de hoxe pon que Rajoy xa ventilou aos galegos, endosoulles unha carga económica, para pagar, insoportable. Amais non teño traballo, non podo pagar as débedas no primeiro de mes, e os bancos, ¡coidadiño están aí para ingresar os xuros, máis os xuros de mora, máis as comisións de reclamación da débeda; están aí. Os mercados que coma motor da economía xa nos amosaron que nos afogan, quítannos os dereitos e o benestar acadados con tantas loitas, tantos dores, tantas mortes... pero queren máis mortes, e queren escravizarnos sen cadeas, pero sen opción algunha á menor liberdade; iso si, podemos escoller entre coca cola ou pesi cola.

Pensei en deixarlle unha carta ao xuíz, ¿a cal ¿ao presidente do Supremo. ¿Como lle explico que quero morrer porque os que mandan na sociedade nos asfixian, quítannos a posibilidade de traballar, de ter unha vivenda, de ter comida para non pasar fame, de ter unha Ensinanza pública, unha Sanidade universal para todos, quítannos a posibilidade de pasar os últimos anos da nosa vida axeitadamente, con dignidade. Isto para nós os parias, pero non aos banqueiros, tampouco aos ex-cargos públicos, nin aos corruptos, nin aos que gastan 6000 euros dos nosos impostos en pasar divertidos unha fin de semana (de 3 ou 4 días) unha e outra vez. Para rescatar a eses e encubrir a aqueles endebédanos Rajoy a Nós.

Por todo isto puxen punto e final, e coma non me quero aforcar, nin hai a pastilla, subín a un edificio de moitos pisos. Aí entrei nunha habitación e abrín a ventá, 20 andares: suficiente. Collín carreira e soltei...

Cando pouco despois saín polo portal e mirei para a ventá do piso 20, vin o boneco, co que fixen a proba de matarme, esganado pola gorxa. Pasou que o ceibalo pola fiestra enguedellouse nas cordas da persiana e alí quedou aforcado coma un pallaso. Fixen ben en facer unha proba do meu suicidio, pois se chego a ser eu morrería aforcado cando a miña vontade (por non ter a pastilla) era morrer machucado contra o asfalto.